Sunday 05 de May de 2024

A alcaldesa abordou coa subdelegada do Goberno na Coruña e a Policía Nacional o problema da okupación de vivendas na cidade


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, reuniuse esta mañá no Concello coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, o xefe superior da Policía Nacional de Galicia, Ramón Gómez, e o novo comisario provincial, Fernando Javier Martínez. Ao encontro acudiron tamén o comisario xefe da Comisaría de Ferrol-Narón, Javier María de Loresecha, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, e o xefe da Policía Local de Narón, Eduardo Pita, entre outros responsables do Corpo Nacional de Policía.

A rexedora local solicitou a reunión para abordar diferentes asuntos vencellados coa cidade, un deles a okupación de vivendas no barrio de Santa Icía. Ferreiro recordou que dende o Concello xa hai meses que se incrementou a vixilancia policial na zona e tamén que se abriron os primeiros informes policiais tras coñecer a situación. Así mesmo, aos propietarios de inmobles na zona susceptibles de ser okupados tamén se lles remitiron requerimentos para que tapien as súas vivendas e evitar a entrada de persoas alleas. Dende o Consistorio naronés tamén se solicitaron reforzos á Policía Nacional para poñer freo á situación. “A veciñanza da zona precisa medidas supramunicipais para atallar esta situación, que padecen día a día e que lles fai temer pola súa propia seguridade en numerosas ocasións, tal e como nos manifestaron”, asegurou Ferreiro, que reiterou en varias ocasións a disposición do Concello a colaborar en todo o que sexa posible. Dende o Corpo de Policía fixeron especial fincapé na necesidade de que a cidadanía denuncie este tipo de situacións.

A rexedora local, que destacou o traballo policial que se está realizando, tamén puxo sobre a mesa a problemática do roubo de cable de cobre na cidade, que nos últimos dous meses supuxo unha perda, só en material, duns 45.000 euros, e abordou o tema cos responsables policiais e a subdelegada do goberno.

Outro dos asuntos plantexados por Ferreiro foi a problemática da venda de substancias estupefacientes, cuestión sobre a que a policía incidiu na importancia de que a maiores dos controis que realizan a veciñanza alerte sobre posibles inmobles ou puntos negros.

Finalmente, na reunión informouse do incremento, próximamente, do plantel da Comisaría Nacional de Policía de Ferrol-Narón en 36 novos axentes, pasando o plantel a un total de 232 persoas.
Pola súa banda, María Rivas, que ao igual que Ferreiro valorou positivamente a reunión, aludiu á importancia de “establecer canles permanentes de comunicación cos diferentes colectivos veciñais –particulares, empresarios, comerciantes…- co fin de mellorar a seguridade e realizar actuacións concretas”.